Praza públicaBlogs
Hoxe en Praza:

O patio das ideas

O blog sobre educación de Praza Pública
Sobre o blog  

Alumnado de Vila de Cruces recupera unha lenda inédita sobre unha espada deitada no Ulla

Un lugar da parroquia de Brandariz, en Vila de Cruces, vén de darlle nome á lenda da espada de Brandomés. Se as lendas teñen de seu algo máxico, neste caso o abraio non podía ser maior: foi unha alumna do IES Marco de Camballón a que recuperou esta lenda descoñecida para todas as persoas especialistas do tema no noso país.

O achado é tan fascinante que é unha mostra de por que hai que seguir recollendo tradición oral

(Manuel Gago)

“É posiblemente unha das escasas, por non dicir únicas (nisto é mellor non dicir única, as singularidades cárgaas o demo) mostras de lendas populares na Europa atlántica, vivas, que falan do ritual do depósito votivo dunha espada asociada a un guerreiro. O achado é tan fascinante que é unha mostra de por que hai que seguir recollendo tradición oral”, explica o profesor da USC Manuel Gago, que colabora co instituto de Vila de Cruces dentro do proxecto Palavras de PedraProxecto Mámoas. Coordinado polo profesor e escritor Séchu Sende, a recollida de patrimonio oral forma parte das iniciativas desenvolvidas desde o centro dentro deste proxecto que leva xa dous anos de andaina.

image

Dúas son as versións recollidas da lenda de boca de varias veciñas e veciños de Brandomés. Nunha delas, a espada, de ouro, guindouse ao río despois da morte dun guerreiro. A outra version di que no fondo do rio Ulla hai unha espada, no lugar coñecido como o Tesouro. “Sexa vella ou sexa mesmo unha elaboración a partir dos relatos artúricos que tanto gustaban na Galicia medieval, ou mesmo un relampo da época da Guerra da Independencia, ou por outro motivo, o asunto é igual de interesante porque o que temos aí é unha lenda enormemente singular que se relaciona cos achados arqueolóxicos dos que seguramente esta xente nin sentiu falar.”

Nos ríos galegos téñense atopado máis de 10 espadas da Idade do Bronce, mais ata agora non se coñecía ningunha lenda de tradición oral vinculada ás espadas nos ríos

O río Ulla configúrase para a arqueoloxía como un lugar de grande interese, pois no seu cauce teñen aparecido espadas da Idade do Bronce que foron obxecto de estudo pola comunidade científica nas últimas décadas. No conxunto dos ríos galegos téñense atopado máis de 10 espadas da Idade do Bronce, mais ata agora non se coñecía ningunha lenda de tradición oral vinculada ás espadas nos ríos. ”Isto é o que fai importante a lenda da espada de Brandomés. As espadas da Idade de Bronce podem ficar no fundo do rio miles de anos e algum dia algumha pode ser encontrada fortuitamente… Mas a lenda da espada de Brandomés é umha história fabricada com palavras, palavras dumha língua criativa e com muita energia comunicativa. Agora, com esta história maravilhosa, estas palavras da nossa língua estám juntando a muita gente. A nossa língua tem esse imenso poder social: capacidade de coesiom", asegura Séchu Sende.

image

Cartel do Museo Arquolóxico de Pontevedra

O profesorado e o alumnado do Ciclo de Soldadura do IES Marco do Camballón está a elaborar unha espada inspirada na lenda de Brandomés

A raíz deste descubrimento, desde o insitituto teñen procurado e atopado– a colaboración de especialistas neste campo como Antonio Reigosa (experto en tradición oral), Marcial Tenreiro (arqueólogo) ou Beatriz Condomar (arqueóloga e decana da Faculdade de Historia de Ourense). Esta última está a asesorar o profesorado e alumnado do Ciclo de Soldadura do IES Marco do Camballón de cara á elaboración dunha espada inspirada na lenda de Brandomés, que seguirá o modelo das espadas atopadas no río Ulla. Se a decana asegura que “este tipo de iniciativas son ilusionantes, tamén para min, ao saber que con xente como este alumnado quedan posibilidades de que neste mundo as cousas aínda teñan sentido”, a ilusión non é menor entre o alumnado. “O certo é que elas e eles som os mais sorprendidos porque umha das histórias que contarom uns avós apareça na prensa, e que vários científicos mostrem o seu interesse a ajuda para conhecer mais sobre algo que estava aí mas que parecia nom estar… como tantas cousas. Há quem trouxo vídeos gravados de pedras que lhe parecem parte dum castro, outro comentou que na família tenhem alguns restos que acharom há muito tempo… outro escreveu um relato de tema céltico que nos acaba de descobrir um verdadeiro escritor…”, relata Séchu Sende.