Doentes de cancro alzan a voz contra o "castigo" dos recortes

Campaña da AECC en Ourense contra o cancro de mama © AECC Ourense

Este domingo, como cada ano, celébrase o Día contra o Cancro de Mama, unha xornada de visibilización e loita que, adoito, se converte tamén nun día de reivindicación da investigación e traballo contra todas as modalidades de cancro. Esta é tamén unha xornada na que múltiples institucións e cargos públicos portan o lazo rosa que simboliza a aposta das doentes e as súas familias por dar a batalla contra a enfermidade. Nos últimos anos diversas organizacións de pacientes e de defensa da sanidade pública veñen criticando a "hipocrisía" que supón amosar o lazo rosa mentres se impulsan restricións nas prestacións sanitarias. Desta volta son tres asociacións galegas de pacientes oncolóxicos as que alzan a voz contra este "castigo".

Co obxectivo fundamental de que "as autoridades sanitarias poñan solución aos problemas e deficiencias que inciden negativamente na atención ás persoas afectadas por cancro" no canto de "castigarnos facéndonos padecer as restricións provocadas polos recortes" a Asociación de Usuarios do Servizo de Oncoloxía do CHUS, a Asociación Oncohematolóxicas Por+Vida e a Asociación de Diagnosticadas de Cancro de Mama presentan un "prego de demandas" que comeza polas listas de espera e chega á esixencia de eliminación dos últimos recortes impostos polo Goberno central.

As organizacións de doentes reclaman máis axilidade na atención e a adecuación dos hospitais de día, centro do tratamento oncolóxico

As agardas, explican estes colectivos, non só se producen á hora de acceder a unha intervención cirúrxica, senón tamén en "probas diagnósticas" e tratamentos. Esta redución, din, ten que vir combinada cun "enfoque integran na atención", que "englobe aspectos físicos, psicolóxicos e nutricionais". Asemade, subliñan, cómpre "unha maior coordinación entre os servizos de oncoloxía e outros servizos hospitalarios, como as unidades de linfedema, así como entre os servizos de oncolcolxía e atención primaria", tamén para "facer efectivo o seguimento das secuelas e os efectos secundarios dos superviventes". No ámbito das urxencias, explican, a reclamación máis necearia é a "aplicación de protocolos específicos" que eviten "agardas innecesarias, especialmente no caso de enfermos en fase terminal".

Outro paquete de peticións enfócase a un dos puntos clave da atención oncolóxica: os hospitais de día. Nestes equipamentos, din, faise necesaria unha ampla "adecuación", que vaia dende a súa ubicación física ata o seu mobiliario ou as condicións de accesibilidade. "É necesario, ademais, que se habiliten mecanismos que melloren a xestión dos tempos de espera e que se creen sistemas de chamada que garantan a privacidade e o anonimato, tal e como contempla a Lei de Dereitos e Autonomía do Paciente do ano 2002. No hospital de día do Clínico de Compostela, por exemplo, os chamamentos do hospital de día realízanse con nome e apelidos a través da megafonía.

A prestación farmacéutica

Ao carón dos lazos rosas estes tres colectivos miran directamente ás autoridades para pedir a "supresión do copago de medicamentos orais anticanceríxenos subministrados en farmacia hospitalaria", fixado polo Ministerio de Sanidade a finais de 2013. "Se engadimos esta nova achega á que xa debemos pagar os pacientes no caso de medicamentos para os efectos secundarios, algúns deles excluídos do financiamento público -lamentan- os enfermos oncolóxicos somos un dos colectivos máis prexudicados por estas medidas".

Os colectivos de doentes esixen a fin das restricións de medicamentos por motivos económicos

Por último, as organizacións de doentes poñen o acento nunha reclamación xa expresada por AUSO-CHUS nos últimos meses: a necesidade de poder acceder con igualdade aos novos tratamentos e que ningún paciente fique sen eles por motivos económicos. É necesario, din, "axilizar o proceso de fixación de prezos dos novos medicamentos por parte da Comisión Interministerial" unha vez son autorizados pola Axencia Europea do Medicamento. Acto seguido, sinalan, os gobernos deben "garantir a equidade por parte das comunidades autónomas no acceso a estes tratamentos do xeito máis favorable para o enfermo. "Agardamos que os responsables da xestión da sanidade pública demostren o seu compromiso no tratamento e loita contra o cancro", conclúen.

Pacientes reciben quimioterapia nun hospital galego © Sergas

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.