«Foi un traballo rápido, intenso e bonito. Así o facían as mulleres do rural antiguamente»

FUGAS

Cristina Pato, Davide Salvado, Anxo Pintos e Roberto Comesaña presentan un álbum que responde ao seu único desexo de tocar xuntos

27 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Catro músicos con recoñecida traxectoria asinan un traballo de música tradicional co que aseguran non ter pretensións máis aló que facelo. «É un disco que fixemos para nós, naceu dunha maneira bastante hippy, Cristina Pato tivo varios soños, atopámonos pola rúa e foron toda unha chea de casualidades as que nos levaron a facelo», di Davide Salvado, a voz do proxecto.

-¿Como nace «Rústica»?

-Dunha idea de Cristina, pero levámola a cabo, en principio, entre os dous, e sumamos a Anxo Pintos e Roberto Comesaña. Era un proxecto inicialmente bastante íntimo, pero era moito máis sensato a idea de ser os catro. 

-¿Quedarase nunha proposta de estudio?

-En principio si, se o mercado o reclama faremos unha xira, pero non é a pretensión. 

-¿Cales son as achegas dos músicos?

-Aportaron moitísimo. Comesaña é un musicazo e Anxo, ao comezo, só ía facer os arranxos, pero a gravación foi moi especial. Vímonos un día antes na miña casa, xantamos e o segundo día foi xa no estudio, en tres días gravámolo todo. Foi moi rápido, intenso e bonito. Dunha maneira moi orgánica. Penso que así, antigamente, a xente, as mulleres do rural, facían os temas. Xuntábanse para traballar, fiar ou tomar un café e arranxaban as pezas e non estaban un mes para poder cantar unha canción, como se fai agora, o que me parece ridículo.

-Pato canta unha peza.

-Insistín bastante para que cantara, porque encántame como o fai. Creo que utiliza os instrumentos con moitísima liberdade, cando toca o piano fai o que lle dá a gana, non se cingue a ningún estilo, nin a ningunha norma, e cando toca a gaita, tamén. Saca sons que para outra xente serían prohibidos, co canto é igual. Que faga iso paréceme xenial. Polo seu nivel de profesionalidade ten sona a nivel mundial e que sexa capaz de xogar desa maneira, sen prexuízos, con algo tan propio como o noso, paréceme ideal. Estou farto desa seriedade institucional que hai no mundo do folk e da música de a-aquí.

-Sorprende que repitades pezas do teu anterior disco.

-Elixiunas Cristina, quería dende hai anos gravar eses temas comigo. Agora mesmo estou gravando o meu proxecto, a continuación de O ladrón de amorodos, que se vai chamar Lobos, e sairá en maio, e para min iso é un proxecto persoal, o que quero dicir coa música, e o de Cristina era un proxecto en común, era un desexo de facer algo xuntos. 

-¿Como será o novo?

-Supertradicional. Probei moitas cousas, pero vou cada vez máis cara á pureza, á sinxeleza do que eu penso que era a música. Non quero facer etnografía musical senón música viva. Estou gravando con Pedro Pascual e penso que vai saír en maio, o mesmo mes que tamén saca Cristina o seu. O meu é un disco de músicas populares galegas, cunha maneira moi persoal de interpretar a música, segundo o momento no que estou eu agora.

-O do recoñecemento tras ser elixido como o mellor do ano na categoría de música tradicional galega nos Premios Galegos da Música.

-Son alternativo no que fago, e no tema do recoñecemento tamén síntome así. O recoñecemento a nivel mediático é efémero. Non me interesa, paréceme gratificante que se me recoñeza a nivel do público, pero o que me gusta é traballar todos os días e iso aínda que dean mil premios. Creo que non vai por aí a nivel galego. Por moitos premios, se non hai un cambio de pensamento a nivel político e social creo que da igual. Non me interesa ser Uxía nin Shakira, senón facer as cousas que fago con amor e poder seguir vivindo diso da maneira que vivo, como quero e onde quero, non pretendo máis. Non quero que me dean premios, quero que haxa salas onde se poda cantar cobrando, que haxa concertos nas vilas, quero todo iso que non hai en Galicia, quero non ir a Europa sempre a tocar.