«En cada instituto debería haber un educador social en plantilla»

Loreto Silvoso
LORETO SILVOSO A CORUÑA/ LA VOZ

A CORUÑA CIUDAD

Raquel López sinala que noutras comunidades xa contan con estes profesionais no centro

27 sep 2015 . Actualizado a las 09:52 h.

Os educadores sociais aínda son unha figura descoñecida, pero levan tempo presentes nos centros de menores, servizos sociais, programas de conciliación, comunidades terapéuticas, oficinas de información xuvenil, centros de información ás mulleres, oenegés, centros Quérote, programas de orientación laboral, mediación, centros de internamento para persoas inmigrantes, e un longo etcétera. Raquel López acaba de terminar unha tese sobre este colectivo profesional e explica que «os educadores sociais deberían formar parte do persoal de cada centro educativo deste país».

-¿Por que son tan descoñecidos?

-Esta é unha profesión bastante nova. Penso que é por iso.

-Os ámbitos que tocan [menores, servizos sociais, maiores, persoas con discapacidade] lévanos a confundir o seu traballo co dos traballadores sociais, psicólogos, terapeutas, pedagogos... ¿En que se diferencian deles?

-É unha pregunta que nos fan moitas veces. Imaxine que un queixiño do Trivial é o ámbito social. Todas estas titulacións traballamos aí, pero cada unha dende unha perspectiva distinta. O que cambian son as ferramentas de traballo.

-A súa é a educación.

-Si. Sempre cunha perspectiva moi focalizada na persoa. Nós pretendemos previr situacións de diferenciación social. E cando se dan estas circunstancias, reforzar, empoderar ás persoas.

-Desculpe, pero «empoderar ás persoas» sóame a política.

-Trátase de que estas persoas sexan quen de tomar as rendas da súa vida, aínda que teñan apoios técnicos. No ámbito de menores, temos que potenciar que sexan eles quen tomen as decisións.

-¿Cal é o problema, como chegar a eles, á xuventude?

-O que estamos a pedir é que en Galicia se regule a inclusión do educador social nos centros escolares. A súa figura é necesaria incluso para facer, por exemplo, unha labor preventiva.

-Igual que xa están os pedagogos.

-A nosa figura non se pisa coa do orientador educativo. Non falamos dun cambio cuantitativo, de engordar o persoal, senón cualitativo, de cambio no procedemento educativo.

-¿Deben ser figuras complementarias nos centros?

-Si, non se solapan. Por formación académica, nin a pedagoxía, nin a psicoloxía social se solapan. O traballo debe ser interdisciplinar entre todas as titulacións. Que conste que en Galicia xa están traballando, pero os educadores que hai agora nos institutos veñen de servizos sociais municipais ou por iniciativas privadas.

-E vostedes piden ser persoal do centro. Pois a tendencia actual é mais recortar que sumar.

-Soa ilusorio, son consciente, pero en cada instituto debería haber un educador en plantilla.

-¿Noutras comunidades autónomas isto é distinto?

-En Extremadura, Andalucía, Canarias... xa están nas escolas. Nós non queremos copiarlles, senón ter un modelo propio.

O grao de Educación Social se imparte na Universidade da Coruña dende o curso 2009/2010. Este ano matriculáronse 101 alumnos, cunha alta demanda.

-¿Que habería que cambiar na educación actual para mellorar os ditosos índices PISA?

-Moito. A escola está sempre no centro da diana pero, por outra banda, cada vez perde mais lexitimidade polo peso de Internet. Pero cando hai problemas, sempre se di que a escola é a que ten que resolvelo todo.

-Cando nace un neno, os pais rodeánse de todo tipo de manuais sobre como atendelos; pero cando chega a adolescencia, non é así.

-E mentres estase sobrecargando a función da escola e do profesorado.

-¿Cara iso camiña a última reforma educativa?

-Sobre o papel, si. O problema é que se da resposta de xeito equivocado, porque se fai con metodoloxía tradicional e teórica.

-¿Seguimos recorrendo á «chapatoria», en vez de ó entendemento?

-Non se poden aprender contidos de cidadanía de xeito teórico. Debería haber mecanismos de participación escolar, fomentar a práctica de actitudes cívicas...

-Predicar co exemplo.

-A educación non se pode memorizar. Resulta complicado memorizar para que sirve cada tipo de colector de lixo, se logo teu colexio non recicla os residuos.

-Xa me quedou claro que fan os educadores sociais. ¿Agora que?

-Preparamos un congreso no 2016 para sentar as bases do futuro.