Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Fortalezas do Miño

Arquitectura militar na fronteira

A desembocadura do Miño desde o aire.

Unha maneira de coñecer a evolución da historia interior e exterior dun país é poñer atención na súa arquitectura militar. Poucas obras ilustran tanto o paso dos séculos como as construcións destinadas á defensa. A diferenza das arquitecturas civil e relixiosa, a obra militar precisaba adaptarse á xeografía -en canto factor físico, e como tal condicionaba o urbanismo- e mais á evolución da tecnoloxía bélica.

Na Idade Media, a erección de castelos e torres de defensa respondía moitas veces a intereses interfeudais e eran excepción as grandes fortalezas de fronteira (velaí o castelo califal de Gormaz, en Soria, cando o Alto Douro era o límite meridional das terras cristiás). Pero coa chegada dos estados modernos, as rivalidades feudais desapareceron e a defensa pasou a ser estritamente "nacional", vinculada aos exércitos da coroa.

Daquela comezaron a cobrar valor as chamadas prazas fortes fronte a hipotéticos ataques exteriores. A consecuencia diso foi reforzar as fronteiras. No caso español, dous foron as zonas de defensa: as fronteiras con Francia (especialmente despois da anexión de Navarra a Castela) e con Portugal. Na primeira cómpre destacar a construción da fortaleza de Salses, no límite setentrional do Rosellón, emprendida por Fernando de Aragón. Foi a primeira mostra de arquitectura militar á italiana feita en terras hispánicas (á que seguiu Pamplona despois da anexión de Navarra a Castela). Despois do Tratado dos Pirineos (1659), cando o Rosellón pasou a Francia, prazas como Salses perderon importancia e a liña de defensa desprazouse cara ao sur.

E nesa tarefa foi decisiva a intervención de Sébastien Le Prestre Vauban, ao servizo de Luís XIV, doce de cuxas obras están declaradas Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, entre elas, dúas na Cataluña norte, Mont-Louis e Vilafranca de Conflent (que forman liña de defensa con outras fortalezas tamén adaptadas por aquel enxeñeiro e mariscal francés). Vauban adaptouse aos avances da artillería, especialmente á aparición dos proxectís cilíndricos de cabeza oxival e ánima e así, ao concepto de baluarte -de orixe italiana- engadiu o revellín, que provocaba a dispersión forzosa dos hipotéticos asaltantes. A máis, estas fortificacións eran un sinal de afirmación da coroa francesa nos novos territorios. Por contra, os monarcas españois confiaban na mobilización de grandes cantidades de tropa, circunstancia que provocaba unha defensa máis fráxil e máis cara, criterio modificado coa chegada de Filipe V, ao servizo do cal estaba o enxeñeiro Van Verboom.

Circunstancia relativamente distinta era a da fronteira hispano-portuguesa. Se ben axiña Afonso Henriques fortificou a liña do Miño fronte á Galiza, foi Afonso III quen estableceu o eixo defensivo ao longo do río e do resto da fronteira establecida en 1297 polo tratado de Alcañices. Esta liña miñota ía desde Melgaço -no extremo oriental da fronteira fluvial- a Caminha, pasando por Monção, Vilanova da Cerveira e Valença, un eixo defensivo que foi reforzado durante a Guerra da Restauración (cunha segunda liña: entre outros, Viana do Castelo e o forte de Santiago da Barra).

Fronte a este eixo, a coroa española sentiuse segura desde os tempos de Isabel de Castela, consideración que aumentou cando Felipe II pasou a reinar tamén en Portugal. Porén, a revolta da independencia portuguesa aproveitou a debilidade militar española -as tropas de Felipe IV estaban a loitar contra a secesión catalá- para reforzar a fronteira miñota e incluso a atravesar o río. Paradoxalmente, a única fortaleza no lado galego, a de Salvaterra, foi erguida polos portugueses durante o tempo que ocuparon esta vila (1643-1659).

Defensa e contradefensa

  • Na política defensiva galega cómpre non esquecer as fortalezas da faciana atlántica (Baiona, Vigo, A Coruña, Ferrol) e do interior da Limia, sobre as cales un día teremos que volver. Indo ao eixo miñoto, a principal defensa medieval era a catedral de Tui, tal vez pola confianza de que Portugal nunca intentaría unha invasión. Cando a Guerra da Restauración, os portugueses estableceron unha cabeza de ponte en Salvaterra e alí ergueron unha potente instalación arredor do chamado castelo de dona Urraca.Cando as tropas españolas quixeron reconquistala, optaron por ocupar Monção e, en paralelo, bloquear o eixo fluvial no lado galego cos fortes de Santiago de Aitona, Fillaboa e San Paulo do Porto arredor de Salvaterra, e de San Lourenzo de Goián, en Tomiño.A actual concepción divulgativa da arquitectura militar considera especialmente os sistemas duais opostos -como é o caso miñoto- como se tratase dun todo, un lugar de historia común, en palabras de J. M. Alfaro Guixot. Por parte portuguesa hai unha notable conciencia de preservación e así propuxeron hai uns anos a candidatura das fortificacións abaluartadas da raia luso-española a Patrimonio da Humanidade. Porén, por parte galega o interese parece ser aparentemente menor malia o Programa Fortrans (2008) da Xunta de Galicia. E menor aínda cara á integración de ambos dous sistemas.

Compartir el artículo

stats